Friday 03 de May de 2024

Adxudicada a pavimentación de seis rúas pertencentes a tres parroquias de Riveira


Tamén se acondicionarán o vial que descorre paralelo ao CEIP de Frións en carreira e a rúa Cobasa en Aguiño

O Concello de Riveira informa da adxudicación dunha nova actuación dirixida a pavimentar un total de seis rúas repartidas entre a cidade e outras dúas parroquias do municipio. Concretamente, trátase das rúas Lugo, Abesadas, Mendiño e Sorribas (no casco urbano), o vial que corre paralelo ao CEIP de Frións (en Carreira) e a rúa Cobasa en Aguiño.

A empresa Nemesio Ordóñez, S.A., resultou a adxudicataria da actuación, por un prezo de 58.740,30 euros, IVE incluído. O prezo de execución son dous meses.

Na actualidade, as rúas en cuestión están pavimentadas con aglomerado asfáltico e rexistran un estado moi deteriorado, con importantes baches e zonas disgregadas que redundan no prexuízo da seguridade viaria.

Co fin de mellorar o estado das mesmas, está previsto pavimentalas cunha capa de aglomerado asfáltico en quente tipo D-12 de 6 centímetros de espesor. Ademais, prevese a posta a cota das diferentes tapas de pozos e arquetas existentes.